Caneliñas

É o nome da que foi a derradeira baleeira activa en España, que estivo emprazada na ría de Corcubión.

Cuarto dobre, adaptado para discapacitados, emprazada na planta terrea. Dispón dunha cama de matrimonio de 1,50x2 m e dun amplo baño accesible. A súa decoración, cun grande mural naïf da artista galega Laura Velasco (2013), evoca a relación amable entre baleas e mariñeiros.

Xonás

Xa no remoto pasado, así aparece no Antigo Testamento, os homes e mailas baleas tiveron unha relación moi particular…

Cuarto dobre, con dúas camas individuais de 0,90x2 m, localizada no primeiro andar. De estilo entre rústico e moderno, posúe un grandísimo armario para que poidades gardar todo o que desexedes, un tamén enorme baño moi luminoso con bidé e bañeira, e acceso a unha ampla e antiga balconada de pedra. Gustaravos a escultura alusiva á historia de Xonás, do artista galego Álvaro de la Vega.

San Brandán

O monxe irlandés penetrou no Atlántico na procura da eternidade, e rematou por atoparse unha illa-balea…

No primeiro andar, pode funcionar como cuarto dobre de matrimonio (cama de 1,50x2 m) ou familiar: como uso dobre, conta cun estar titulado “Pinocho” –tamén foi papado por unha balea- que se pode converter nun segundo durmitorio. Entre os dous cuartos localizase o baño. É un dos cuartos máis luminosos do hotel, pois posúe unha cristaleira cara o mar, e ten o privilexio de contar cunha enorme terraza privativa con vistas á ría, con mobiliario de xardín, plantas e flores. Da decoración sobresae o azulexo do artista portugués Joaquim Pombal (2012), que reproduce unha miniatura medieval xermana da viaxe de San Brandán.

Simbad

Na súa singradura cara as illas, o barco de Simbad o Mariño foi dar cunha balea…

Localizado no segundo andar, é un dos cuartos máis grandes do hotel. Conta con dúas camas individuais de 0,90x2m e ten a posibilidade de supletoria. Dispón de galería e baño exterior moi amplo con bañeira e galería. Vaite abraiar a súa decoración oriental e sensual, para que revivas o relato de Simbad nas Mil e unha Noites, coa escena da balea interpretada polo pintor colombiano Zamora Tamayo (2011).

Greenpeace

A coñecida asociación internacional contribuíu decisivamente á consecución da moratoria que ten posto fin á caza comercial dos grandes cetáceos.

Sitúase no segundo andar, e é o cuarto máis moderno do hotel, co seu estilo desenfadado e mobles de deseño. Conta cunha cama de matrimonio (1,50x2m), galería e un grande collage, con fotos facilitadas por Greenpeace Alemania, como homenaxe ó traballo desenvolvido por Greenpeace, que ten colaborado connosco na decoración. Os socios de Greenpeace obterán un 10% de desconto no aloxamento se elixen este cuarto.

Moby Dick

Nun hotel coma este non pode faltar un cuarto dedicado á grande obra da literatura universal sobre o mundo dos baleeiros.

Localizada no baixo cuberta, pódese dicir que é a auténtica suite do hotel, tanto polas súas dimensións coma pola decoración, que pretende evocar o camarote dun barco antigo co seu mobiliario de estilo náutico. O uso é polivalente (dobre, tripla ou cuádrupla). Posúe un coqueto e luminoso baño exterior con ampla ducha. Dende unha das súas bufardas se obteñen as mellores vistas sobre a ría, para desfrutar do amencer ou ver saír a lúa tralo monte do Pindo. Da decoración sobresae o perfil metálico dun barco antigo de vela.